domingo, 24 de xullo de 2016

Sicilia (I)

Á vista do que nos preguntan desde que chegamos, o verdadeiro interés dos nosos amigos e parentes non está no que puidemos ver en Sicilia senón na calor que debemos pasar e, sobretodo, en se tivemos retrasos ou cancelacións por culpa da compañía aérea.
Tentei contar como a nosa primeira visita en Palermo foi ás plateas e salóns do Teatro Massimo, levados por esa teima de Venres de visitar edificios nos que o esplendor se mide a golpe de capiteis corintios sobredourados, arañas de bohemia e boatos principescos; foron inevitables os selfies no palco onde Michael Corleone asistiu á tráxica representación ao final da terceira parte d'O Padriño e nas escaleiras en que todo termina após o tiroteo. Dentro polo menos estariades ao fresco, respostan os amigos, máis dispostos a ouviren como efectivamente se nos pegaba a camisola ao corpo e luciamos espléndidos camachos nas axilas polo labirinto de vias, piazzas e corsos á procura dos esplendores bizantinos da Cappella Palatina, a Catedral ou o Orto Botanico, en que por certo estaban á nosa espera todos os mosquitos da illa.
Un por outro e a casa sen varrer: o caso é que por algunha razón non iamos debidamente informados; o dicionario de italiano para turistas que Venres comprou para a ocasión quedoulle na casa, a min quedoume a guía do trotamundos, e o bañador de 5'00 euriños que comprei resultou completamente innecesario porque, vergoña dá contalo, Palermo non ten praia, segundo nos explicou pacientemente a recepcionista do hotel; a frustración de Venres, cargado de entusiasmo e cremas solares factor 30 de Mercadona, subiría a niveis alarmantes cando ao día seguinte visitamos Cefalù e, cos dourados mosaicos do seu Duomo refulxíndonos aínda nas retinas, exploramos a pequena vila costeira e gozamos da praia desde o bar por non levarmos nin cremas nin bañador. 
De pouco valeron a cervexas frías: Venres perdía o ollar no horizonte, alén dos bañistas e os patíns de auga.

Praia de Cefalù, escenario da desesperación de Venres

1 comentario:

Zeltia dixo...

e non estaba moi chea a praia! (eu tamén preguntaría pola calor, hehe) os que a soportades estoicamente sodes para min seres superiores, coma deuses.