venres, 30 de maio de 2014

Confirmación

En realidade, todo o que fixo o médico foi poñerlle nome a algo que todos, máis que sospeitalo, sabíamos, e que o ritual escenificado na consulta confirmou de xeito implacable: meu pai soubo dicirlle ao médico en que cidade estamos e que esta está en Galiza e que Galiza está en España; tamén acertou (algo meritorio, dada a meteoroloxía que sufrimos) que estamos en Primavera, pero non que era mércores, que o mes era Maio, e que aquela flamante sala non estaba na vella Residencia senón no novo hospital ao que leva acudindo máis de tres anos.
Patinou (coma min, hai que recoñecelo) ao calcular unha resta sucesiva e inversa que parecía dun concurso da tele, soubo escribir o seu nome nun folio que, a petición do doutor, dobrou primorosamente pola metade antes de entregarllo, pero estrelouse definitivamente contra a última proba, a do reloxio: na esfera algo desinchada que el mesmo debuxou con esforzo de párvulo puxo horas imposibles (as 11 na 1, as 10 nas 2, as 9 nas 4), de xeito que o médico tivo máis que suficiente para emitir o seu diagnóstico (ou sentenza),  darlle o pase para un tac simbólico e prescribirlle unha medicación que non remediará nada.
Desde hai unha semana convivimos oficialmente cun hóspede implacable chamado alzhéimer.

4 comentarios:

Anónimo dixo...

Laméntoo moito, Sr. Kaplan. Apertas.
X

Zeltia dixo...

unha noticia triste.
moi compartida por moitos pais e nais das miñas conocencias.
case semella un mal esperado se un vive o suficiente.
Esperemos en que avance a mediciña por ese camiño, a tempo para que o seu pai non perda as lembranzas mentres teña vida que sexa longa e merecedora de ser vivida.

paideleo dixo...

A vida tráenos ledicias e tristuras e hai que saber levalas ambas.
Creo que teu pai ten sorte que ten un bo fillo.

peke dixo...

No seu día quixen comentar, pero o sistema de comentarios que había non mo permitiu. A ver se agora...